Thursday 02 de May de 2024

Máis de 37.000 persoas se achegaron ás rúas para gozar do desfile de comparsas de Entroido


A comparsa Os poster roubados de Meisel foi a gañadora do concurso na modalidade de vestiario, coreografía e orixinalidade e Los infieles gañou a modalidade de carroza

O concursos de comparsas e carrozas bateu o récord histórico de participación, con máis de 1.200 persoas inscritas no desfile

Tras o concurso de comparsas, ás 21.30 h, a banda Sidonie actuará na praza de María Pita de balde como parte da programación de Entroido

A rúa de San Andrés acolleu esta tarde o segundo dos concursos organizados polo Concello no Entroido deste ano, na modalidade de vestiario e coreografía e carrozas. Máis de 37.000 persoas se achegaron para ver o desfile do entroidoque bateu o récord histórico de participación, con 1.249 persoas inscritas no desfile e un total de 23 comparsas que animaron as rúas do centro da cidade. A comparsa Os poster roubados de Meisel gañou o primeiro premio do concurso de comparsas na categoría de vestiario, coreografía e orixinalidade Los infieles na modalidade de carroza. A alcaldesa, Inés Rey, trasladou os seus parabéns a rodas as comparsas polas propostas “e a todos os coruñeses e coruñesas que facedes grande este Entroido”.

No concurso participaron un total de 21 agrupacións na modalidade vestiario e música, das cales 12 tamén optaron á modalidade de carroza. As comparsas Los increíbles del hogar,Donaire no mar, Os pósters riybados de Meisel, Carrusel, El justicieron tiene cuerda pararato, A poza da parrula, Casamos!, Bolivia pachá, Kilomberos de Monte Alto e Vaia pezas mostraron os seus deseños e posta en escea este ano. Sumáronse coa súa carroza ascomparsas Festarrachada, Pantaleón, A feira de abril de Bribes, Troula dos reloxos, Monte Alto a 100, Os Maracos, Tarde mal e arrastro, Esta rumba non aspira, Bribesly Hills, Los infieles e Os substerráneos. As comparsas Como Cabras e Morenada Bolivia sin Fronteras participaron no desfile mais non no concurso.

A directora da área de cultura, Bettina Kohlaas, foi a presidenta dun xurado composto tamén polo xornalista Pablo Díaz Bouza; polo historiador Xosé Alfeirán; pola Xefa de Servizo da Área de Cultura do Concello da Coruña, Susana Portabales; Marta Parga e MillyAugusto como membros da Asociación de Coros e Danzas EIDOS e con Eva Orgeira, por parte do IMCE, como secretaria. O xurado destacou a orixinalidade das propostas que participaron, así como a inclusión de temas actuais nas comparsas.

O grupo Farra Fanfarra actuou de balde na Praza de María Pita, amenizando aos asistentes antes da entrega de premios. O primeiro concurso de comparsas, correspondente á modalidade de letra e música, celebrouse a pasada semana e Pantaleon foi a comparsa gañadora. Os eventos programados polo Goberno de Inés Rey durante o Entroido continuarán nos vindeiros días, enchendo as rúas e prazas de actividades para celebrar a festividade.

Relación dos premios outorgados
Na categoría de vestiario, coreografía e orixinalidade a relación de premios outorgados polo xurado foron:
● Primeiro premio: Os poster roubados de Meisel
● Segundo premio: Los infieles
● Terceiro premio: Troula dos reloxos
● Cuarto premio: Tarde mal arrastro
● Orixinalidade: Pantaleón
● Accéssit 1: Los increíbles del hogar
● Accésit 2: Festarrachada
● Accésit 3: Donaire no mar
● Accésit 4: Carrusel
● Accésit 5: El justiciero tiene cuerda para rato
● Accésit 6: Casamos!
● Accéssit 7: A feira de abrilde Bribes
● Accésit 8: Bolivia pachá
● Accésit 9: Kilomberos de Monte Alto
● Accéssit 10: Monte Alto a 100

● Accésit 11: Maracos
● Accésit 12: Esta rumba non aspira
● Accésit 13: Bribesly Hills
● Accésit 14: Os subterráneos
● Accésit 15: Vaia pezas!
Na modalidade de carrozas, a relación de premios outorgados polo xurado é:
● Primeiro premio: Los infieles
● Segundo premio: Bribesly Hills
● Terceiro premio: Troula dos reloxos
● Cuarto premio: Festarrachada
● Orixinalidade: Tarde mal e arrastro
● Accéssit 1: Os subterráneos
● Accéssit 2: Esta rumba non aspira
● Accéssit 3: Os Maracos
● Accéssit 4: Pantaleón
● Accéssit 5: A feira de abril de Bribes

Concertos de balde con Sidonie, Mojinos Eskozíos e The Txandals

Tras o concurso de comparsas, ás 21.30 horas, a banda Sidonie actuará na praza de María Pita como parte da programación de Entroido. Á actuación da banda súmase as que terán lugar o luns 20, tamén en María Pita, con The Txandals (21.00 horas) e Mojinos Escozíos (23.00 horas), tamén de balde. O Martes de Entroido, día 21, e no contexto dos concursos infantís de disfraces, actuarán Los Mecánicos no Campo da Leña (17.00 horas).

Actividades ao aire libre na Sagrada Familia e os Xardíns de Méndez Núñez

Este domingo 20, o Entroido terá continuidade con actividades nos barrios da cidade. Desde as 11.00 e ata as 14.00 horas, a rúa Sagrada Familia acollerá xogos populares, animación e obradoiros de Entroido, abertos á cidadanía.

Xa pola tarde, e desde as 17.00 horas, os Xardíns de Méndez Núñez abrirán paso á ruada festiva de Phycho-Delia.

A recuperación do partido de fútbol feminino dos Martes de Entroido

O Martes de Entroido, día 21, abrirase cunha cita moi especial. O Concello, coa colaboración do Relámpago de Elviña e o Club Eirís Sociedad Deportiva, remontarase atrás no tempo para lembrar o partido de fútbol feminino que se disputou o 14 de febreiro de 1961 no antigo campo do Relámpago, onde mediron as súas forzas dous conxuntos integrados por mulleres casadas e solteiras, nun contexto festivo.

En homenaxe a aquel episodio, o partido deste martes 21 terá lugar, desde as 12.00 horas, no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, tal e como lembrou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey.

Romualdo Irijoa, protagonista desta edición no Andar do Entroido

Tamén no Martes do Entroido, o Concello homenaxeará a Romualdo Irijoa, fundador da comparsa Os Maracos. A figura de Irijoa integrarase, desde este ano, no Andar do Entroido da rúa da Torre, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno de Inés Rey en 2022, como un paseo da fama á coruñesa, co obxectivo de render homenaxe aos persoeiros máis relevantes e queridos desta festividade na cidade.

O acto de homenaxe a Romualdo Irijoa terá lugar na rúa da Torre, o día 21 (14.30 horas).
Será na previa do concurso infantil de disfraces (17.00 horas) e o concurso infantil de choqueiros e choqueiras (17.00 horas), que terán lugar no Campo da Leña. A inscrición abrirase dende unha hora antes de cada concurso, tamén no Campo da Leña. Xa ás 20.00 horas, na confluenza da rúa da Torre con Curros Enríquez, comezará o concurso de choqueiros e choqueiras, tanto o individual como o grupal. A inscrición poderá realizarse no acceso principal á Escola Municipal de Música de 19.00 a 20.00 horas.

A recta final do Entroido, entre o mércores 22 e o sábado 25

As derradeiras actividades do Entroido terán lugar entre o mércores 22 e o sábado 25, último día da programación. Concretamente o mércores 22, desde as 20.30 horas, celebrarase o tradicional desfile do Enterro da Sardiña ata a praia de San Amaro, onde terá lugar a desentronización do Deus Momo. O percorrido do desfile iniciarase no Circo de Artesáns, pasando pola praza de María Pita, o Campo da Leña e a rúa da Torre, antes da queima do Deus Momo en San Amaro.

Por último, e xa o sábado 25, terá lugar a ruada de comparsas que, desde as 13.00 horas, percorrerá o Cantón Pequeno, con encontro na praza de María Pita (13.30 horas) e saída cara a praza de Azcárraga.

Proxección do documental ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’

Ata o vindeiro martes 21, o Circo de Artesáns abrirá as súas portas a un ciclo de proxeccións do documental ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’, unha peza audiovisual dirixida polo coruñés Omar Rabuñal Varela.

A produción do documental foi apoiada polo Concello da Coruña a través da liña de axudas a creadores locais dos fondos Presco. As proxeccións no Circo de Artesáns continuarán os días 19, 20 e 21, sempre as 22.00 horas